O Magope Seis do Nadal Coia viaxa a Ribadavia, con motivo da decimosegunda xornada, para xogar nunha das pistas máis complicadas da liga. Carnes Do Ribeiro-Ourense Provincia Termal é undécimo cun punto menos que o Sedona, pero no seu pavillón, o Municipal de “O Consello”, perderon puntos equipos como o Chapela ou o Oviedo.
O equipo ourensán conta cun plantel veterano e que mide moi ben os tempos dos partidos; xogadores cunha grande traxectoria como Xosé Canedo, Iago Cadrado ou Pablo Alemany.
“Son xogadoras que sempre levan o partido ao terreo que lles interesa. Dá igual que fagas un bo encontro e te marches no marcador, eles saberán reengancharse e aproveitarán calquera baixón para poñerse por diante. Teñen moito balonmán ás súas costas, e iso os fai moi perigosos”, advirte o adestrador vigués Pablo Blanco.
Difícil compromiso para un Seis do Nadal Coia que, con todo, non o pensa dar por perdido. Viaxa co obxectivo de recuperar o terreo perdido logo da dura derrota sufrida en casa ante o Teucro.
O partido é este sábado ás 18.30 horas.