O Magope Seis do Nadal Coia regresou á senda do triunfo cunha convincente vitoria en Camariñas (28-34) que lle asegura a súa permanencia matemática en Primeira Estatal a falta de catro xornadas para concluír a liga.
O partido empezou co Seis do Nadal máis enchufado que o equipo local. Os múltiples erros de Camariñas tanto en lanzamentos claros como en perdas de balón eran castigados con réplicas en forma de gol que distanciaban aos dous equipos no marcador. No minuto 20 da primeira parte, o electrónico reflectía un claro 3-10. O Sedona baixou un punto de intensidade nos últimos dez minutos da primeira parte e empezou a cometer imprecisións de xeito que a distancia reduciuse ata o 8-13 do descanso.
Unha pequena reacción logo da continuación achegou aos locais ata os 3 goles (10-13) pero no minuto 7 da segunda metade xa volvía haber 5 goles de diferenza (12-17). Esta diferenza incrementouse ata o máximo de 9 goles no minuto 19 (17-26). O resto do partido foi un intercambio de golpes que lle serviu ao Magope Seis do Nadal Coia para pechar o partido, recuperar o golaverage co Camariñas, rachar coa serie negativa dos últimos encontros e asegurar a súa salvación.
“Empezamos o partido máis concentrados que eles. Conservas Boya Camariñas arrastran moitas baixas desde fai varios partidos, aínda que hoxe contaron con Xabier, e nós recuperamos efectivos para este partido. Iso fíxonos arrincar con máis confianza. O problema tivémolo cando nos empezamos a contaxiar con esas imprecisións do rival e démoslles vida ao final da primeira parte e ao principio da segunda, pero o importante é que soubemos reaccionar cando se achegaron e aseguramos un final de partido tranquilo. Non foi un partido brillante, pero son dous puntos nunha pista complicada e son a consecución do obxectivo da tempada, a permanencia matemática”, felicitábase o adestrador vigués Pablo Blanco.
No partido destacou a achega de Martín Gayo que materializou 10 goles.
Coa permanencia xa matematicamente asegurada, o equipo márcase agora superar os rexistros da pasada tempada. “O curso pasado sumamos 22 puntos. Este ano temos 20 con 8 puntos máis por xogarse. Outro obxectivo que nos debemos marcar é alcanzar esa novena praza. Está a tan só un punto. Se logramos gañar a semana que vén ao Teucro, que está moi forte neste tramo final, estaremos en plenas condicións de conseguilo. Agora toca pensar en Teucro, traballar duro e preparar o partido”, asegura Paloto.