MAGOPE Seis do Nadal Coia e Balonmano Gijón ofreceron este sábado aos afeccionados que se deron cita nas bancadas un partido moi disputado que se resolveu cunha axustada vitoria visitante por 33-35 (17-15 ao descanso).
O encontro comezou coa igualdade como nota dominante. O Seis do Nadal baseaba os seus argumentos nunha defensa 6:0 profunda e en accións de contraataque, atopando máis dificultades para superar a defensa 5:1 asturiana nos ataques posicionais. As vantaxes por un e dous goles alternáronse durante toda a primeira parte para rematar os primeiros 30 minutos cun 17-15 que puña unha sorprendente vantaxe para o equipo local. Durante esta metade destacaron a extremo zurda Laura Rivas e o un contra un de Laura Gutiérrez por parte do Balonmano Gijón mentres que polo Seis salientaron os contraataques e as finalizacións de Andrea desde o extremo dereito.
Pouco tempo tardaron as visitantes en recuperar o empate. Expuxeron unha defensa 6:0 e dúas xogadoras importantes como a porteira Alba Gough e a lateral Nadege Moronfolu melloraron o seu rendemento. Aos dous minutos da continuación o marcador xa reflectía un equilibrado 17-17. O partido volveu ás alternativas con vantaxes para ambos. Mediada a segunda parte o Sedona foise de tres goles co 26-23 que provocaba o tempo morto xixonés. A reacción visitante non se fixo esperar, axudada por unha rigorosa exclusión de Carla. Unha vez máis a igualdade imperou no encontro ata os minutos finais nos que as de Coia non amosaron a precisión que mantiveran durante o encontro. Varias perdas de balón deron vantaxe ás asturianas que terminaron de pechar o partido ante a arriscada 3:3 local dos últimos minutos. O encontro terminou cun 33-35 a favor das xixonesas nun partido que puido resolverse cara a calquera lado e que evidencia unha substancial mellora das xogadoras de Jandro, o que lles servirá como estímulo para tentar sumar nas vindeiras xornadas.
“Hoxe fixemos un gran partido. Puxemos contra as cordas a un gran equipo como é o Bm. Gijón. Realizamos un moi bo traballo defensivo e seguimos mellorando en canto ao contraataque e o contragol. A pesar disto temos que deixar de regalarlle tantos contraataques ao equipo rival e saber xogar mellor os minutos finais de partido. Estamos no bo camiño para afrontar as próximas xornadas”, aseguraba o técnico vigués Jandro Ocampo.