A decimonovena xornada de liga depáralle ao Magope Seis do Nadal Coia outro duro rival. Recibe este sábado (17.00 horas, Pavillón de Coia) ao quinto clasificado, un Bm. Gijón que nos últimos dez partidos só perdeu contra o Carballal e o Puerto del Carmen e que chega a Vigo moi motivado tras gañarlle á SAR. “ O Gijón é un gran equipo que destaca pola súa ambición e mocidade. Isto, unido a un adestrador que sempre quere máis, vai facer que esta fin de semana veñan coa clara intención de levar os dous puntos para poder soñar cunha difícil fase de ascenso”, advirte o adestrador do Magope Seis do Nadal Coia, Jandro Ocampo.
Pola súa banda, o equipo local ansía a vitoria como nunca antes e, logo das boas sensacións que se trouxeron de Cantabria a fin de semana pasada, quererá levar dous puntos que lle acheguen á salvación.
“Seguimos crecendo partido tras partido. As sensacións son cada vez mellores e o equipo sabe que é capaz de facelo ben. Fáltanos esa vitoria contra ‘un dos grandes’ que teño claro que podemos conseguir, para darnos a confianza que necesitamos. Está claro que imos ter que xogar moi moi ben para levarnos a vitoria, pero sabemos e podemos facelo”, asegura o técnico vigués.
A grande mocidade do plantel non está a ser un lastre para o Bm. Gijón, que lonxe de baixar a cabeza contra equipos con máis rodaxe, crécese nas adversidades. Exemplo disto son as xogadoras Laura Gutiérrez e Laura Rivas, que se presentan como máximas anotadoras do seu equipo con tan só 18 anos. A pesar disto, Gijón non se caracteriza tan só polas súas boas xogadoras individuais, senón que xoga moi ben colectivamente. A defensa 6:0 que adoita usar en todos os seus partidos está moi ben estruturada, con poucas fisuras, onde todas as xogadoras saben que facer en cada momento e onde cometen poucos erros. En ataque destaca o seu xogo en equipo. Son moi fiables no pase e iso dálles a oportunidade de realizar numerosos sistemas ofensivos. Ademais das xa mencionadas Laura Gutiérrez (primeira liña que destaca pola súa visión de xogo e polo seu un contra un) e Laura Rivas (extremo dereito cunha enorme efectividade), destacan tamén as xuvenís Nadege Moronfolu e Sandra Vallina. A primeira é unha lateral moi rápida e forte nas súas entradas cara portaría, mentres que a segunda é unha lateral dereito de grande envergadura cun bo lanzamento exterior. Cabe destacar tamén a porteira Alba Martínez, xogadora á que os seus grandes números nas estatísticas dos partidos abálana como unha grande gardameta.