O Magope Seis do Nadal Coia acadou mais de dous puntos no encontro que desputou este domingo ante o Luceros. Esa vitoria serve de pulo anímico ao equipo que rachou coa mala serie de resultados das últimas xornadas e porque derrotou a un rival que se lle resistía nos últimos dous anos. Así o lembraba ao final do partido o adestrador vigués Pablo Blanco. “No tempo que levo como adestrador nunca conseguimos derrotar o Luceros, nin na Liga nin na Copa así que puidemos quitarnos esa espiña. Ademais, se queremos estar na parte noble da táboa é importante gañar este tipo de encontros. Estou moi contento porque voltamos á senda da vitoria, pola actitude dos xogadores e porque recuperamos sensacións.”
O Magope Seis do Nadal Coia impúxose ao Luceros por trece goles de diferenza (20-33), nun partido que dominou dende o primeiro minuto.
“Dende o comezo fixemos unha defensa moi agresiva e arriscada e sainos ben, tanto na primeira como na segunda metade. Conseguimos non baixar o ritmo, incluso logo de chegar con sete goles de vantaxe ao descanso (10-17) e iso non les deu pé a poder engancharse ao partido”, aseguraba o técnico do Magope Seis do Nadal Coia.
Martín Gayo, con nove tantos, foi o máximo goleador do equipo vigués que na vindeira xornada medirase ao Conservas Boya Bm. Camariñas.