O Seis do Nadal perdeu 33-38 contra o todopoderoso Puerto del Carmen que non deixou que as locais se lles achegasen en ningún intre (15-21 ao descanso).
As celestes empezaron o partido defendendo 3:3 e a pesar de que en certas ocasións puñan en dificultades ás canarias, outras veces regalábanlles accións claras de gol. Rosa Elena levaba a batuta en ataque e non só conseguía marcar senón que organizaba o ataque do seu equipo. Pola súa banda, ao Seis do Nadal custáballe atopar claras ocasións de gol e a defensa 6:0 que tiña diante supúñalle unha gran traba para conseguir ver portaría. A pesar da gran diferenza que se vía entre os equipos, e logo dunha serie de intervencións da porteira Ainoa que facía que o Puerto del Carmen non rompese o partido, o equipo local pediu un tempo morto no minuto 20 cando o marcador amosaba un 9-13 na súa contra. Isto non fixo que o equipo de Coia conseguise levantar o partido, e as visitantes, cunha serie de contraataques en primeira onda, conseguía irse ao descanso coa máxima renda do partido ata o momento (15-21).
Na segunda metade, ambos os equipos seguiron coa mesma tónica. O Puerto del Carmen defendendo 6:0, subindo rápido ao contraataque en primeira onda e baseando o seu xogo en ataque nuns un contra un, circulacións dos extremos e xogo co seu pivote. Pola contra, o Seis do Nadal seguía apostando por unha defensa 3:3 con diferentes profundidades e subida rápida ao contraataque en segunda onda e ao contragol. En ataque non era quen de despregar o seu xogo. Moitos uns contra un impactaban contra unha defensa sólida que se sentía moi cómoda. No minuto 12 da segunda parte, e con 9 goles en contra, o adestrador do Seis do Nadal pedíu tempo morto para tentar revivir o xogo dun equipo que levaba varios minutos morto. A partir dese momento, as locais tiveron os mellores minutos do partido. Empezaron a defender dunha maneira máis dinámica, o que desembocou en varios roubos de balón, e subíu moito máis ao contraataque. Ademais disto, en ataque, o xogo foi moito máis fuído e atoparon situacións de gol moito máis sinxelas. A pesar disto, o actual líder conseguía levar a vitoria por cinco goles de diferenza
?”Lévome unha sensación agridoce do partido. Por unha banda sumamos unha derrota máis que afástanos do obxectivo da permanencia, pero doutra banda non deixamos que Puerto del Carmen se relaxase en ningún intre. A pesar de que conseguiron unha renda de 9 goles, non baixamos a intensidade en todo o partido. A mágoa foi xogar varios minutos en ataque moi malos e cometer erros graves en defensa. Os últimos quince minutos foron un indicio do que podemos facer e conseguimos recurtar distancias”, recoñecía ao final do encontro o adestrador vigués Jandro Ocampo.