Non puido ser. O Magope Seis do Nadal Coia caeu derrotado na pista do Balonmano Palencia Turismo (33-26) e quedou sen opcións de seguir pelexando por salvar a categoría. Un mal partido das viguesas, que non estiveron ao nivel que esixían as circunstancias, deu ás palentinas os dous puntos que lle aseguraban non acabar nos dous últimos postos da clasificación.
A igualdade presidiu os primeiros minutos do partido. O Seis do Nadal tentaba deter os ataques das rivais cunha defensa 6:0 con saídas no centro, mentres que o Palencia apostou por unha defensa máis pechada. No minuto 14, un gol de Antía Ferreira puña ao Magope Seis do Nadal Coia por diante no marcador, pero pronto reaccionaron as de Palencia e déronlle a volta ao partido cun parcial 8-2. Deste xeito chegouse ao descanso cun 15-10 a prol favor das locais. “O Bm Palencia Turismo conseguía o gol con fortes uns contra un no centro da área e conectando moi ben co seu pivote. Nós mostrabamos moitas dificultades tanto en defensa como en ataque. No primeiro aspecto, non eramos capaces de deter as fortes entradas dos laterais e en ataque, por culpa dunha boa defensa sen axudas, non conseguiamos penetrar cara portaría. A pesar dos cambios de posto, as circulacións dos extremos e a fluidez que tentabamos darlle á circulación de balón, non se conseguían claras ocasións de gol”, lembraba o adestrador do Magope Seis do Nadal Coia, Jandro Ocampo.
A segunda parte non mostrou moitos cambios con respecto á primeira. No minuto 39 o Palencia conseguía a súa máxima renda no partido (22-15) e con esta diferenza afrontaba a última parte do encontro dunha maneira moi cómoda. O Seis do Nadal, a pesar de que nesta segunda parte conseguiu explotar un pouco máis o contraataque, seguía tendo os mesmos problemas en ataque e en defensa. A rotación de xogadoras e os cambios defensivos non conseguían facer efecto e o Palencia deixaba sen opcións de vitoria ao Seis do Nadal Coia.
“Non estivemos á altura do partido e non soubemos plasmar na pista o traballo que necesitabamos facer para gañar. Dáme moita pena non xogar ben nun partido no que nolo xogabamos todo. Seguramente os grandes cambios que sufríu o equipo, tanto individual como colectivamente, foron os detonantes para ser tan irregulares durante a tempada. Doutra banda non estiven á altura das circunstancias e non saquei todo o que debería do equipo. Escapóusenos o obxectivo da permanencia e síntoo moito polo club e polas xogadoras”, laiábase ao final Jandro Ocampo á vez que apelaba á afouteza do seu plantel para non baixar os brazos no último partido de liga. “Quero que as xogadoras gocen dese último encontro. Temos o obxectivo de gañar para saír da última praza da clasificación. Así que temos que facer o mellor partido da tempada e agradecerlle así ao club e á afección todo o que fixeron por nós”. Nese partido as viguesas recibirán en Coia ao penúltimo clasificado, o Asmubal Meaño. Será á volta do parón de Semana Santa.