O Magope Seis do Nadal Coia caeu pola mínima (24-23) nos últimos segundos dun partido ante Lanzarote Bm Zonzamas que foi igualado de principio a fin. Desde o comezo os dous equipos amosaron que non querían deixar escapar os dous puntos. Defensas moi duras con contactos fortes daban lugar a un inicio moi intenso que se completaba con moitas precipitacións por ambos os lados. Isto mantiña un resultado moi igualado. De feito, a maior diferenza do primeiro tempo producíase no minuto 22 no que o Zonzamas distanciábase de dous goles (8-6). Dous minutos antes, a nosa xogadora Ainhoa Francisco sufría unha grave lesión e tiña que ser trasladada ao hospital. Isto deixaba minguado ao equipo que ademais se vía obrigado a cambiar a dúas xogadoras por diferentes doenzas. “Estes primeiros 30 minutos mostraron a dous equipos que estiveron dominados máis polas gañas de gañar que de facer un bo partido. Nós errábamos moitos lanzamentos cara a portaría e non nos sentiamos cómodas en defensa, cometendo erros aos que non estabamos adoitados ultimamente. Pola súa banda, o Balonmano Zonzamas causábanos problemas coa súa defensa 5:1 e subida rápida de contraataque en primeira onda”, lembraba o técnico Jandro Ocampo.
A segunda parte non puido empezar de peor maneira para o Seis do Nadal. Os erros incrementáronse en defensa onde a incerteza e as dúbidas apoderábanse das xogadoras. En ataque, o abusivos un contra un e a escasa fluidez de balón evitaban que se atopasen ocasións de gol. Isto provocou que o equipo visitante pedise tempo morto no minuto 5. A pesar disto, as viguesas non souberon reaccionar e o Zonzamas incrementou a vantaxe no marcador, chegando a irse de ata 8 goles (18-10 no minuto 8). Pero lonxe de se vir abaixo, as de Coia sacudíronse a presión e comezaron a facer o xogo ao que estaban adoitadas nas últimas xornadas. Unha defensa máis activa e con moitas axudas puña en serias dificultades ao Zonzamas, que perdía varios balóns e erraba diversos lanzamentos cara portaría. Isto fixo que o Seis do Nadal atopásese máis cómodo e en ataque, con máis tranquilidade, conseguía facer gol. A remontada non se fixo agardar e no minuto 16 o marcador reflectía un empate (23-23).
Os últimos minutos do partido saldáronse cunha máxima igualdade no marcador. Unha repartición de goles facía que no minuto 29:51 o adestrador do Seis do Nadal pedise un tempo morto e preparase unha última acción de xogo. Pero ésta saldouse cunha perda e finalizaba o partido cun 24-23 no marcador. Unha dura derrota que deixou moi tocado ao equipo vigués. “Doeunos moito perder deste xeito. Viñamos de xogar bos partidos e hoxe non estivemos ao nivel que sabemos. Ultimamente dá a sensación de que nos adaptamos ao nivel dos equipos contra os que xogamos. As irregularidades no noso xogo seguen sendo o noso maior atranco”, laiábase o adestrador. E aínda así amosábase optimista de face ao que queda de liga. “Estamos a mellorar todos os resultados da primeira volta e competindo contra todos os equipos. Doe moito sumar unha derrota máis, pero tamén somos sabedores de que non temos que temerlle a ningún equipo. Agora toca seguir traballando e loitando por conseguir outros dous puntos que tanto nos merecemos”.
Na vindeira xornada, o Magope Seis do Nadal Coia recibirá á S.A.R. Rodavigo, o sábado ás 16.30 horas.