O Magope Seis do Nadal Coia viaxa este fin de semana a Cantabria co obxectivo de lavar a mala imaxe ofrecida a pasada xornada ante o Hand Vall La Cisterniga. O partido correspondente á décimo oitava xornada de liga enfróntalle ao Camargo 74 Propenor, equipo que ocupa a sexta praza e que na primeira volta xa se levou o encontro disputado en Coia por un claro 25-32. “Unha defensa con moitos erros pola nosa banda, facía que o Camargo acabase atopando ocasións claras de gol. Isto, sumado a unha serie de contraataques, provocou que a diferenza final fose de 7 goles a prol das visitantes que atoparon na súa sólida defensa 6:0 e as individualidades en ataque, o camiño cara á vitoria”, lembra o técnico Jandro Ocampo.
De face ao partido deste domingo o adestrador do Seis do Nadal Coia espera que o seu equipo recupere as boas sensacións amosdas nos dous partidos anteriores ao que disputaron ante o Hand Vall.
“Fronte ao equipo valisoletano xogamos posiblemente o peor partido do que vai de tempada. Así que para facer fronte ao Camargo debemos dar máis do 100% . Temos que estar fortes en defensa en canto ao un para un refírese e en ataque xogar ao que sabemos xa que o tipo de defensa do rival favorécenos. A pesar da situación complicada na que nos atopamos, o equipo non pode deixar de confiar no traballo que se está facendo e en que este fin de semana se queremos e damos todo o que temos, a vitoria vai ser nosa”, advirte Jandro.
O Camargo vén de perder de 4 goles na casa da SAR e de gañarlle de 8 ao Lanzarote Zonzamas. É un equipo moi regular que non perdoa nos partidos que ten que gañar.
“Caracterízase por despregar unha defensa 6:0 con moi pouca profundidade pero si con disuasións ao impar das exteriores. Entre as seis xogadoras forman un bloque central moi sólido, con moitas axudas e que tenta provocar lanzamentos exteriores ou das extremos. Na portaría teñen a unha porteira moi explosiva e con bos reflexos que é quen de deter os lanzamentos desde estas posicións. En ataque, Irene Costales destaca como a xogadora máis perigosa, co seu forte un contra un, pases ao pivote e distribución de xogo. Nos laterais teñen a xogadoras moi grandes con lanzamento exterior e moi fortes na finta. Ademais no pivote posúen unha xogadora de grande envergadura que é difícil de parar se recibe o balón. Na fase do contraataque, a pesar de que non é un equipo que se caracterice polo seu gran número de roubos de balón, o seu extremo esquerdo está moi lista para subir a toda velocidade”, explica o adestrador do equipo vigués.
O Camargo 74 Propenor vs. Magope Seis do Nadal Coia xógase este domingo Ás 12:00 horas no pavillón Pedro Velarde de Cantabria.