O Magope Seis do Nadal-Coia impúxose con claridade, 37-19, ao Balonmán Porriño na última xornada do grupo A de Primeira Estatal masculina e conclúe a tempada na novena praza empatado a puntos co oitavo clasificado e tras encadear cinco vitorias seguidas no treito final de liga.
O partido comezou con pequenas vantaxes locais que fluctuaron entre os 2 e 3 goles ao longo dos primeiros 15 minutos de partido. A partir dese intre, a defensa local axustou a profundidade para evitar os lanzamentos cómodos de media distancia do Porriño e a mellora das prestacións defensivas facilitou os goles de contraataque. Do 10-7 do minuto 17 pasouse ao 14-7 en apenas 5 minutos e ata o descanso foi un vendaval local pechando a primeira metade con 21-9.
Co partido visto para sentenza, a segunda parte continuou polos mesmos camiños. As dificultades no ataque posicional do Porriño remataban en contraataque local. A diferenza aumentou paulatinamente ata o 37-19 final.
“Xogabamos contra un equipo xa descendido e tiñamos claro que facendo unha boa laboura defensiva, o noso ataque non ía ser un problema. A nosa velocidade nas transicións íalles a facer moito dano. Eles empezaron ben no lanzamento exterior aproveitando un exceso de confianza que lles permitía lanzar desde posicións cómodas. En canto axustamos isto, o partido terminouse”, aseguraba o adestrador vigués.
Con este resultado, o Seis do Nadal chega ao final do curso deportivo no seu mellor momento de forma en canto a resultados, xa que é o único equipo de toda a Primeira Estatal que finaliza con cinco vitorias nas últimas cinco xornadas. A valoración da campaña é por tanto moi boa. Así o recoñece, Pablo Blanco ´Paloto; “do 1 ao 10 eu poríalle un 8. Faltounos estar un pouco mellor en determinados partidos para terminar un chanzo por enriba. Quedamos a 4 puntos do Bueu e a 6 do Lavadores e creo que poderiamos chegar a alcanzar ese chanzo. Pelexar por ese sexto posto sería o 10. Tamén é certo que tivemos moitos problemas de baixas nesta segunda volta e houbo partidos como Chapela ou Luceros que non competimos con todas as nosas armas, pero outros equipos tamén o sufriron. Non é unha escusa, pero esa situación impediunos estar un pouco máis arriba. En calquera caso estivemos moi por enriba do que se esperaba de nós. O obxectivo da permanencia que marcamos en 14, ou tal vez 16 puntos, foi superado con fartura e ao longo da tempada sorprendemos a equipos da parte alta como a Lalín ou Chapela”.
¨Aquí os xogadores acaban rendendo por enriba do nivel que se lles presupón¨
O técnico do Magope Seis do Nadal-Coia tamén quixo destacar o crecemento que mostraron varios xogadores ao longo da tempada; “Alberto Bao e Martín Gayo por exemplo, pasaron de ter un papel secundario ou case testemuñal no equipo a tempada pasada a ser dous alicerces do equipo e coarse entre os mellores xogadores nos seus postos. En xeral podo dicir que todos os xogadores achegaron e todos tiveron o seu momento.Ata os xogadores con menos minutos ou que deixaron o equipo de forma prematura tiveron os seus momentos bos onde tiveron actuacións destacadas. O Seis do Nadal leva moitos anos xerando esta dinámica. Aquí os xogadores crecen e melloran, e acaban rendendo por enriba do nivel que se lles presupón.
Agora toca seguir traballando coa planificación da tempada que vén e formar un equipo o máis competitivo posible manténdonos fieis á nosa realidade e a nosa filosofía”, sentencia o adestrador do Seis.