O Seis do Nadal Coia deixou escapar unha boa oportunidade para poñer terra polo medio coa parte baixa da táboa ao caer derrotado ante o Bm. Palencia Turismo. As viguesas fixeron un mal partido e sucumbiron por un claro 22-31.
“Non saíu nada do que traballaramos ao longo da semana, nin en defensa nin en ataque. É certo que os primeiros cinco minutos estabamos a defender ben pero atascámonos en ataque moito, non fluía o balón, non había rapidez e os nosos erros provocaban os contraataques do equipo contrario”, recoñecía o adestrador vigués Iago Rivas.
Eses erros fixeron que o Bm. Palencia Turismo logo adquirise unha vantaxe de 3 e 4 goles que logrou ampliar ata os seis (13-19) ao descanso.
Na segunda parte, o partido transcorreu polo mesmo camiño. O Bm. Palencia Turismo soubo administrar ben a súa vantaxe ante un Seis do Nadal Coia que aínda que o tentou, foi incapaz de poñer en perigo a cómoda vitoria visitante.
“É un partido para analizar e aprender dos erros”, sentenciaba o técnico do Seis do Nadal Coia. E non lle queda outra ao equipo vigués xa que a vindeira xornada visitará a cancha do Bm. Gijón, rival que teñen a tan só un punto.