Este domingo chega a Coia o filial do Teucro, equipo que ocupa a undécima posición pero que co plantel ao completo é un rival moi difícil, porque conta con xogadores novos de moita calidade. Ademais, fáltalle por xogar dous partidos que tivo que adiar polos compromisos internacionais dos seus xuvenís.
Por iso o adestrador do Magope Seis do Nadal Coia cualifica a cita, de partido enganoso.
“Que llo digan ao Saeplast Cañiza, equipo que nos gañou a nós e con todo caeu derrotado ante o filial teucrista. Ademais, este fin de semana o primeiro equipo xoga o sábado así que seguro que o Teucro Colegio San Narciso virá a Coia con todos os seus efectivos”, asegura Pablo Blanco.
Por todo iso o adestrador do Magope Seis do Nadal Coia avoga porque o seu equipo faga un partido moi serio para acadar os dous puntos. “O Teucro ten un sistema defensivo con moita profundidade; é un equipo novo con xente rápida e de calidade así que temos que empregarnos ao cento por cento. E niso estivemos a trabalhar ao longo desta semana”.
O partido, correspondente á undécima xornada de liga, xógase este domingo ás 12.30 horas no Pavillón Municipal de Coia.