O Seis do Nadal Coia encaixou a primeira derrota da tempada como local a mans dun Oviedo Balonmano Femenino que se amosou moi superior. O resultado final, 17-36, non deixa lugar a dúbidas do dominio visitante. O Oviedo foi sempre por diante no marcador. No primeiro parcial adquiríu unha renda de catro goles e xa deixou moi tocado ao Sedona que non soubo reaccionar e foise ao descanso sete goles abaixo (11-18).
Co partido xa encarrilado a prol do Oviedo Balonmano Femenino, o adestrador do Seis do Nadal Coia aproveitou a segunda parte para rotar o banco, para dar minutos ás menos habituais e máis descanso ás titulares. Desa forma, o Oviedo Balonmano Femenino acabou levándose os dous puntos de Coia con total comodidade.
“Nestes partidos queda reflectida a diferenza que existe entre os planteis dos equipos de arriba e dos que loitamos pola salvación. Nótase tanto no aspecto físico como nos intres de concentración. Nós entramos mal no partido e encaixamos uns parciais que xa nos foron moi difíciles de remontar”, recoñecía o adestrador do Seis do Nadal Coia, Iago Rivas.
O equipo tentará facer borrón e conta nova canto antes xa que o vindeiro sábado agárdalle o derbi ante a A.D Carballal, un partido “da súa liga”, onde os dous puntos sempre teñen un valor engadido.