Os dous puntos do derbi vigués que se disputou con motivo da oitava xornada de liga na División de Honra Prata Feminina quedaron en Carballal. O equipo de Cabral derrotou ao Seis do Nadal Coia por un claro 41-22 nun partido con dúas partes moi distintas. Durante os primeiros 28 minutos a igualdade foi máxima. De aí ao descanso, a A.D. Carballal aproveitouse das baixas de dúas xogadoras importantes do Seis para acadar unha renda de cinco goles (19-14), e na segunda parte fíxose co mando absoluto do partido e logo encarrilou a vitoria (25-15 minuto 37).
Así o recoñecía ao final o adestrador do Sedona, Iago Rivas. “Empezamos o partido moi ben, enchufadas, cunha boa retagarda e resolvendo ben en ataque contra unha defensa 3:3 do Carballal. Durante os dez primeiros minutos intercambiámonos goles e nós mesmo chegamos a estar un arriba. Pero a dez minutos para o final sufrimos dous contratempos importantes que nos pasaron factura. Perdemos a Cova, que viu o cartón vermello nun erro ao volver a pista antes de tempo tras a súa segunda exclusión e posteriormente lesionouse Fátima e quedámonos xustas en primeira liña. A partir de aí, o Carballal foi facéndose co control do xogo e rompeu o partido cun parcial de 6-0 nos últimos tres minutos.
As baixas impediron dar descanso ás nosas xogadoras de ataque na segunda metade así que as nosas forzas e sobre todo as nosas ideas foron desaparecendo. Cometemos moitos erros non forzados que propiciaron contraataques fáciles do rival”.
A pesar de todo, o adestrador do Seis do Nadal Coia mostrouse satisfeito co esforzo que fixo o seu equipo e esperanzado de que na segunda volta poidan pelexar pola vitoria até o final.