O CdeC Lavadores cumpriu co seu papel de favorito e levouse o derbi vigués ante o Seis do Nadal Coia por un claro 28-14.
O partido rompeuse a favor da locais na segunda metade polos erros que cometeron as de Iago Rivas á hora de finalizar as xogadas de ataque. É certo que o CdeC Lavadores levou o control do xogo e o marcador desde os primeiros minutos con distancias máximas de cinco goles pero a cinco minutos para o descanso, o Seis do Nadal Coia chegou a situarse a dous tantos. O CdeC apertou de novo nese treito final e conseguíu irse aos vestiarios cun 14-9 o seu favor. Un duro golpe para as Coianas que tras a continuación cometeron demasiados erros e xa estiveron a mercé do seu rival. “Quedei coa sensación de que, a pouco que estivésemos máis acertadas lles poderiamos facer dano. O resultado final é un pouco enganoso, e explícase polo que pasou no noso ataque. Non soubemos atacar, porque ocos si os atopabamos. Na segunda parte atascámonos por completo, non soubemos mover o balón dun lado ao outro nin xogar en equipo. E iso é complicado ante un equipo que é moi forte en defensa. Se non lles fas traballar as pernas non consegues entrar. E tamén é certo que a súa porteira, para min a mellor da categoría, contribuíu a declinar a balanza xa que nos sacou 6-7 balóns importantes”, recoñecía o adestrador do Seis do Nadal Coia Iago Rivas.
Rematado o derbi, o equipo comezou xa a pensar no vindeiro compromiso ligueiro, o que lle enfrontará, lonxe do Coia, ao Siero Deportivo Balonmano, rival directo na loita por evitar o descenso e con quen marcha empatado a puntos.