O Seis do Nadal Coia volta á competición, logo do parón ligueiro, visitando a cancha do Tejina, equipo que ocupa a quinta posición con sete puntos máis que as viguesas, que son antepenúltimas.
O Sedona viaxa a terras tinerfeñas con tres ausencias, entre elas a extremo esquerdo Andrea Cid, pero coas baterías cargadas. Por iso Iago Rivas considera que as xogadoras que van serán suficientes para poder competir o partido e sorprender ao Tejina na súa cancha. “Se o Tejina está na parte alta é por algo, pero creo que se nós somos quen de facer ben as cousas en ataque e que non nos collan á contra, en defensa posicional coido que poderemos facerlles moito dano. Como sempre, necesitamos estar concentradas os 60 minutos para poder puntuar”, asegura o técnico do Seis do Nadal Coia.
O desgaste que sufriron as xogadoras no treito final do último partido de liga foi o que as levou á derrota por iso Iago Rivas porá especial atención a ese aspecto no choque ante o Tejina. “Espero poder facer rotacións nas primeiras liñas durante todo o partido para evitar ese cansazo mental”, afirma.
O Tejina vs. Seis do Nadal Coia, correspondente á undécima xornada de liga, xógase este sábado ás 20.30 horas.