O Magope Seis do Nadal Coia aspira, na cuarta xornada de liga, a seguir invicto e a facerse forte nos postos altos. Este domingo ás 12.30 horas visitará Coia o Unión Financiera Base Oviedo, o outro equipo da competición que tamén conta os seus partidos por vitorias. O conxunto asturiano ten un plantel moi completo no que destacan o extremo dereito Nacho Huerta e a primeira liña Juan Casares (ex Ademar). Será un rival moi complicado para o Magope que con todo afronta o encontro coa ilusión de manter a imbatibilidade o maior tempo posible.
“Espero que sexa un partido emocionante e con bo balonmán. Desde que nos puxemos a estudar ao Oviedo descubrimos un equipo moi potente e que seguro dará guerra aos equipos de arriba. Non pasa de cotío que o Seis do Nadal lidere a liga e tampouco poder gozar dun partido contra un rival deste nivel”, recoñece o adestrador do Seis do Nadal Coia. E por todo iso, Pablo Blanco fai un chamamento á afección para que acuda a Coia a arroupar ao equipo. “Véñennos tres xornadas dunha dificultade terrible: Oviedo, Lalín e Xiria. Necesitaremos toda a axuda que podamos ter. Será duro pero o equipo gañouse o dereito a gozar deste tres partidos. Se damos o noso mellor nivel creo que poderemos ter opcións de puntuar”, sentenza.
Celso por lesión e Guille, que aínda non se puido estrear en competición oficial por motivos laborais, perderanse o partido. O resto de xogadores estarán a disposición do adestrador vigués.