O Magope Seis do Nadal Coia disputa este sábado un deses partidos nos que só cabe a vitoria. E é que a oitava xornada de liga enfróntalle ao Conservas Boya Camariñas, equipo que aínda non estreou a súa marcadora de puntos.
Os de Paloto afrontan o partido coa moral reforzada logo de volver ao camiño do triunfo ante o Luceros e a ilusión de manter esa dinámica para tratar de achegarse aos postos altos. Saben que nese encontro parten co papel de favoritos pero sacúdense calquera tipo de confianza. Son moitos os motivos que lle levan a facelo: porque o Camariñas ven de facer un bo partido ante o Bm. Cañiza, está necesitado de puntos e, ademais, mantén o mesmo bloque que o ano pasado levou os dous puntos de Coia. “Camariñas practica un xogo moi intenso tanto en ataque como en defensa e caracterízase por ser un equipo moi loitador do primeiro ao último minuto. Xa podes rachar co parcial favorable que en canto te despistes engánchanse de novo ao partido. É un rival moi incómodo. Xa o amosou o ano pasado aquí en Coia. Ademais, contan co segundo máximo goleador da liga, o lateral Cristian Canosa, un xogador moi vertical e perigoso”, advirte o adestrador do Magope Seis do Nadal Coia.
Por iso, Pablo Blanco avoga por facer un partido serio dende o principio ao fin. “Se queremos levarnos os dous puntos é preciso que saiamos con todos os sentidos postos no xogo. Eles teñen cero puntos pero aínda non xogaron contra os equipos da zona baixa. É un pouco enganoso, do mesmo xeito que o é a situación do Luceros”. asegura.
O Magope Seis do Nadal Coia vs. Conservas Boya Camariñas dispútase este sábado ás 19 horas no Pavillón de Coia.