O Magope Seis do Nadal Coia levouse os dous puntos ante o OAR Coruña pola mínima (27-26), un marcador que reflicte o disputado e igualado que foi o partido.
Os locais presentáronse con varias baixas a un encontro que prometía dificultade a pesar dos escasos 6 puntos que acumula o OAR no que vai de liga. Os coruñeses contan nas súas filas cun plantel potente que se foi reforzando coa liga xa comezada e presentáronse en Coia con todas as súas armas.
O partido comezou cun Sedona moito máis intenso defensivamente. Resultado desta diferenza de intensidade foi o 7-2 inicial nos primeiros sete minutos. O ritmo baixou e o OAR puido asentarse nunha velocidade máis beneficiosa para o seu xogo. A defensa local xa non podía defender con eficacia e castigar ao seu rival ao contraataque e nos ataques posicionais atopaba máis dificultades para transformar. No minuto 21 o OAR empataba o partido a 11 goles. Nun tira e afrouxa final chegouse ao descanso con 17-15 a prol do Magope Seis do Nadal.
O partido renovouse trabado. Non se vía o xogo rápido dos locais. O equipo non atopaba o seu xogo e en defensa cometían erros que impedían alzarse no marcador. A igualdade foi a nota dominante durante toda a segunda metade pero o Sedona logrou chegar ao último medio minuto con superioridade numérica, posesión e unha vantaxe dun gol. Un erro permitiu ao OAR facer un último contraataque para empatar pero acabou errando e permitindo ao Seis do Nadal levar os dous puntos.
«Non fixemos un bo partido. Empezamos ben, pero permitimos ao OAR xogar ao que lle interesa e complicáronnos moito as cousas. Cometemos moitos erros e o fomos pagando durante todo o partido. Ao final a sorte sorriunos e puiremos levarnos os dous puntos, pero temos que reducir erros e mellorar o noso xogo se queremos seguir sumando. Quédanos un partido moi moi complicado en Gijón antes de finalizar o ano e temos que facer un bo papel se queremos sacar algo positivo”, aseguraba o técnico Pablo Branco.
Con esta vitoria, o Magope Seis do Nadal Coia suma xa 14 puntos e mantense na oitava posición.